Flecha volver página noticias

Volver a noticias

GADIS

ACHEGAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS A MILLEIROS DE FOGARES

Imagen noticia ACHEGAMOS O DÍA DAS LETRAS GALEGAS A MILLEIROS DE FOGARES

En Gadis queremos volver render homenaxe á nosa cultura e ás nosas letras con motivo do Día das Letras Galegas. Este ano facémolo poñendo en valor a figura e o legado de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nesta edición.

Para esta celebración creamos Lenzos, as letras en cor, un caderno ilustrado inspirado nas súas obras Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul. A través destas páxinas reinterpretamos o universo literario da escritora viguesa, que soubo ofrecer unha nova mirada aos mitos clásicos desde unha perspectiva contemporánea, aberta e transformadora.

O vindeiro 16 de maio repartiremos gratuitamente en todos os nosos supermercados de Galicia, ata fin de existencias, 30.000 exemplares deste caderno, ademais de 40.000 marcapáxinas e 40.000 bolsas de papel reciclado con deseños especiais conmemorativos do Día das Letras Galegas.

Ademais, en gadisletrasgalegas.gal poderase descargar a versión dixital das ilustracións que forman parte do caderno, convidando a todas as persoas a “deixar voar a imaxinación e entrar nun mundo onde as letras tamén se transforman en cores”.

Unha homenaxe desde Vigo

Quixemos presentar esta iniciativa en Vigo, cidade de orixe de Begoña Caamaño, nun emotivo encontro xunto á súa irmá, Beatriz Caamaño, e á súa sobriña, Carmen Caamaño. Con este xesto queremos recoñecer non só a súa obra literaria e xornalística, senón tamén a súa maneira de entender a cultura galega: viva, crítica e en constante evolución. 

Na xuntanza participaron, por parte das institucións, María Coutinho, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística da Xunta de Galicia, e Patricia Iglesias, concelleira delegada de Atención á Cidadanía do Concello de Vigo. En representación de GADISA Retail, Pablo Louro, delegado de área en Pontevedra, José Luis Fernández Astray, director de Comunicación, María Eimil, coordinadora de Comunicación, e Mª Teresa Pérez, encargada do supermercado.

Desde Gadis entendemos a cultura galega como algo propio e compartido, no que todos os galegos e galegas teñen cabida. Desde hai anos, as nosas bolsas da compra e as nosas iniciativas culturais chegan a milleiros de fogares de Galicia co obxectivo de manter vivas as nosas letras e tradicións.

Comprometidos coa cultura galega

A cultura ocupa un lugar fundamental dentro do noso compromiso social. Máis do 30% das accións que desenvolvemos dentro do noso plan de Responsabilidade Social Corporativa están vinculadas ao ámbito cultural.

Nas últimas dúas décadas editamos máis de 430.000 exemplares de publicacións en galego, apoiando tanto a autores consagrados como ás novas promesas da nosa literatura e contribuíndo á dinamización cultural de Galicia.

Elipse noticia