Volvemos unir forzas co Monbus Obradoiro CAB para axudar a persoas en situación de vulnerabilidade. O Multiusos Fontes do Sar acollerá este sábado, a partir das 18.30 horas, o xa tradicional Partido Solidario Gadis. Nesta ocasión, o club compostelán recibe ao Fuenlabrada para disputar o encontro, que alcanza a súa 12ª edición.
Como se fixo noutras edicións, doaremos 5 quilos de alimentos non perecedoiros por cada punto que se anote no partido, independentemente do equipo que logre a canastra. Todo o que se recade irá destinado a axudar ao Albergue Xoán XXIII, que desenvolve un relevante labor social en Santiago atendendo a colectivos vulnerables, como é o caso das persoas sen fogar.
Ata o sábado 14, día en que se disputa o partido, temos en marcha unha promoción nos Supermercados Gadis da capital compostelá e nos da área de influencia: Negreira, Meixonfrío, Cacheiras, Ordes, Padrón, Bertamiráns e Teo. Por compras superiores a 40€, os clientes recibirán un vale que inclúe un código promocional co que se poderá comprar un máximo de catro entradas (en tarifa Adulto), en Tribuna 2, a 10€ cada unha (ata completar o aforo dispoñible para a venda).
As entradas pódense adquirir a través da páxina web do Monbus Obradoiro CAB, na que, antes de proceder ao pago, hai que introducir o código que figura no vale entregado en Gadis. Ademais, pódense comprar presentando devandito vale nas oficinas do club, de luns a venres, entre as 10 e as 14 horas e, se non están esgotadas, tamén en despacho de billetes o mesmo sábado a partir das 17 horas.
Compromiso coa solidariedade e o deporte
Poñemos en marcha esta iniciativa no marco do noso programa de Responsabilidade Social Corporativa. A solidariedade e o apoio ao deporte nas súas diferentes modalidades son dúas dos ámbitos de actuación máis destacados en beneficio de toda a sociedade.
Grazas ao Partido Solidario Gadis, nos tres últimos anos o Albergue Xoán XXIII recibiu máis de 2.500 quilos de alimentos non perecedoiros e produtos de hixiene para axudar a cubrir as súas necesidades.



