Flecha volver página noticias

Volver a noticias

GADIS

VISIBILIZAMOS O PAPEL CLAVE DAS MULLERES NO SECTOR PESQUEIRO GALEGO

Imagen noticia VISIBILIZAMOS O PAPEL CLAVE DAS MULLERES NO SECTOR PESQUEIRO GALEGO

Con motivo do Día Internacional da Muller no sector marítimo, celebramos no Museo do Mar de Galicia (Vigo) a segunda edición do foro “Mulleres dos Mares”. Unha xornada que visibiliza o papel esencial das mulleres en toda a cadea de valor do sector: desde a pesca ata a transformación, pasando pola acuicultura e a comercialización. No encontro participaron profesionais que ocupan postos de responsabilidade en empresas provedoras de Gadis, co obxectivo de compartir experiencias e destacar a súa contribución ao desenvolvemento económico, social e sostible do territorio.

A directora de Marketing e RSC de GADISA Retail, Melisa Pagliaro Fernández, inaugurou o foro lembrando que naceu o ano pasado con vocación de continuidade, precisamente pola importancia que lle damos a ofrecer os mellores produtos do mar aos clientes dos Supermercados Gadis, tanto de Galicia como de Castela e León. Unha aposta pola mellora continua que nos levou a estrear este ano unha moderna plataforma de selección, compra e xestión de peixes e mariscos no porto da Coruña. Cunha filosofía que pilota sobre a idea de que “a frescura non se improvisa, trabállase cada día con compromiso, proximidade e eficacia”, a OCU recoñeceu en varias ocasións a Gadis como a cadea de supermercados co mellor pescado de España.

Muller pioneira

A armadora e xerente de Ventas Recaré, Pilar Estévez, compartiu a súa experiencia á fronte da empresa familiar, con tres barcos que faenan no Gran Sol, da que tomou a substitución do seu pai e que, actualmente, emprega a 40 persoas. Recoñece que foi un xiro inesperado na súa vida, pero que non se arrepinte: traballa con paixón nun sector esixente, aínda maioritariamente masculino, e onde os horarios pouco convencionais forman parte do día a día. O Berbés é a súa segunda casa e é unha apaixonada do mundo do mar. Rape, galo e pescada son, principalmente, as tres especies que abastece ás nosas peixarías.

Mesa redonda para intercambiar experiencias

O foro incluíu unha mesa redonda protagonizada por catro mulleres con traxectorias moi distintas, pero unidas pola súa vinculación ao mundo do mar. Todas elas forman parte da campaña “Mulleres dos Mares” e achegaron miradas complementarias desde distintas partes da cadea: pesca, transformación, acuicultura e comercialización. Nas súas intervencións, coincidiron en destacar o noso compromiso coa calidade, a sustentabilidade e a colaboración próxima cos nosos provedores.

María Agrelo, xerente de Pescados Blas Paradela, falou das súas funcións nesta maiorista de peixe fresco que compra a diario nas lonxas de Burela e Celeiro para abastecer as nosas peixarías. “Descoñecido e apaixonante” son os dous adxectivos cos que cualifica o sector. E sobre a nosa empresa, destaca que é “moi esixente polos seus altos niveis de calidade pero moi comprometida cos seus provedores”.

Tamén interveu Verónica Canosa, directora técnica de Frigoríficos Camariñas, unha empresa familiar fundada polos seus pais na Costa da Morte cando ela tiña 3 anos. Unha infancia e mocidade na que “todo era mar” marcou o seu presente e futuro profesional. “Compartimos con Gadis a fala, os mesmos valores e a nosa terriña”, manifestou.

Manuela Gómez, marketing and business development manager de Stolt Sea Farm, líder acuícola mundial que prové a Gadis de rodaballo e linguado, asegurou que ve moito talento feminino e unha oportunidade de seguir incorporando a máis mulleres no seu sector, polo crecemento que está a experimentar. “Sustentabilidade, transparencia e unha mellora continua” son os principios afíns.

O sector conserveiro estivo representado por Mercedes Mangana, directora nacional de vendas de Palacio de Oriente. Unha pioneira nun mundo tradicionalmente masculino en postos de responsabilidade, aínda que resaltou que non así nesta empresa, onde o comité de dirección chegou a estar formado por catro mulleres e un só home. “É unha cadea que nos gusta porque aposta moito polo galego, pola innovación e ten unha variedade moi marquista”, puntualizou.

Elipse noticia