Con motivo do Día Mundial do Medio Ambiente, poñemos en valor a nosa estratexia de sustentabilidade transversal, unha práctica que está integrada no modelo de negocio de Gadis desde fai máis de tres décadas. Desde os centros loxísticos de Betanzos e Medina del Campo ata os puntos de venda, promovemos un enfoque baseado na eficiencia loxística, o apoio aos produtores locais, a economía circular e a xestión responsable de recursos. Optimizar procesos, reducir residuos e coidar a contorna son algunhas das claves desta folla de ruta sostible.A eficacia do propio sistema loxístico empeza polo control intelixente dos stocks nos nosos centros loxísticos. Abastecemos aos supermercados baseándonos no consumo e preferencias por parte dos clientes de cada punto de venda, o que evita en gran medida que haxa excedentes. A isto sumamos que priorizamos a produción de proximidade e os provedores locais, o que nos axuda a reducir considerablemente as rutas de carga e transporte, co consecuente beneficio para o medioambiente.
Unha das claves: a loxística inversa
Neste modelo a loxística inversa é clave. Os camións que levan o produto aos puntos de venda regresan aos centros loxísticos con diferentes materiais para reciclar: máis de 9.000 toneladas só en 2024, ano no que valorizamos 8.190 toneladas de cartón, 794,66 de plástico e 124,31 de madeira.
Estas prácticas foron recoñecidas por terceiro ano consecutivo co selo “De Residuos a Recursos: Zero A Vertedero” de Saica Natur, que certifica que o 98% dos residuos da nosa plataforma central recibiron unha nova vida útil. Un equipo de máis de 30 profesionais encárgase da xestión in situ destes materiais para enviar ás empresas especializadas para a súa posterior reciclaxe.
Así mesmo, potenciamos nos últimos meses o emprego de caixas reutilizables para enviar a mercadoría, incrementando un 62% as cifras do ano anterior ata alcanzar os 7,78 millóns de movementos en 2024. O obxectivo é continuar reducindo ao máximo os envases dun só uso. A colaboración estreita con provedores locais, aos que se implica nesta estratexia e comparten a mesma visión sobre a sustentabilidade, favorece un maior alcance das medidas integradas nos diferentes procesos.
Compromiso en todos os eslabóns da cadea
O compromiso coa sustentabilidade ambiental parte da nosa identidade, cos clientes no centro da estratexia: venda a granel en mostrador tradicional, con servizo de corte personalizado nas seccións de produto fresco, atención directa, que incentiva o consumo responsable, reduce o uso de materiais como o plástico e minimiza o desperdicio alimentario. Ademais, as bolsas dos produtos frescos están feitas con fécula de pataca.
Tamén poñemos ao dispor dos nosos clientes puntos de recollida de pilas ou cápsulas de café e illas de reciclaxe de diferentes materiais. Así mesmo, como parte dun proxecto de economía circular, as caixas dos pedidos a domicilio e das compras en liña están elaboradas con cartón reciclado.
Recoñecemento das prácticas sostibles
Este compromiso integral coa sustentabilidade económica, social e ambiental situaron a Gadis entre as 10 empresas máis responsables do sector na clasificación Merco Responsabilidade ESG España 2024. Tamén despuntamos no recente estudo do Atlas Galego da Empresa Comprometida, elaborado por Economía Dixital.



