Flecha volver página noticias

Volver a noticias

CLAUDIO

REFORZAMOS A FRANQUÍA CLAUDIO CON 11 APERTURAS EN 2024

Imagen noticia REFORZAMOS A  FRANQUÍA CLAUDIO  CON 11 APERTURAS EN 2024

Avanzamos no posicionamento da franquía Claudio con 11 aperturas en 2024. Unha expansión baseada na proximidade aos clientes, na vocación de prestar un servizo básico á poboación principalmente en zonas rurais e semiurbanas, e no noso compromiso coa dinamización socioeconómica da contorna a través da xeración de novas oportunidades laborais e de emprendemento.

Os 237 puntos de venda franquiados de GADISA retail proporcionan emprego a máis de 1.000 persoas e ocupan unha superficie total próxima aos 58.000 m2.

Máis de 60 profesionais incorporáronse durante o último ano a esta liña de negocio con motivo das aperturas, que se concentraron na comunidade galega. Na provincia da Coruña sumamos 6 establecementos (As Pontes, Ferrol, Frades, Moeche, Oleiros e Tordoia); 3 en Pontevedra (2 en Vigo e 1 en Poio); 1 en Lugo (Ferreira de Pantón) e outro en Ourense (Beariz).

A vertebración do territorio é outro dos valores da franquía, que opera baixo dous formatos: Claudio, con 113 puntos de venda; e Claudio Express, que conta con 124 tendas. Galicia, Castela e León, Asturias e Madrid son as catro comunidades autónomas nas que desenvolven a súa actividade comercial.

Os supermercados Claudio representan o modelo tradicional de comercio de proximidade. Cunha superficie de tamaño medio, o servizo de atención aos clientes é moi próximo. A variedade é ampla, con marcas líderes e da marca propia Ifa, ademais dunha importante oferta de produtos de proximidade procedentes de provedores de orixe local.

Os Claudio Express están situados, fundamentalmente, en estacións de servizo e están orientados a proporcionar aos clientes unha oferta básica de produtos de alimentación, hixiene e droguería, seguindo estándares de rapidez e comodidade, cun amplo horario ininterrompido todos os días do ano.

Un modelo consolidado: máis de 30 anos de experiencia

O noso profundo coñecemento do mercado é unha das razóns polas que emprendedores e empresas nos elixen para abrirse camiño ou expandir os seus negocios de alimentación con este modelo xa consolidado, avalado por máis de 30 anos de experiencia. A nosa capacidade competitiva, a eficacia do sistema loxístico, o acceso a unha completa variedade e o asesoramento en todas as fases de implantación e desenvolvemento do negocio son algunhas das fortalezas desta franquía, a máis relevante do sector da alimentación no noroeste peninsular.


Elipse noticia