Máis de 470 empregados de GADISA déronse cita na noite do venres en Palexco para participar na tradicional cea anual de Nadal organizada pola compañía. Ao encontro acudiron traballadores dos servizos centrais, tanto das oficinas como dos almacéns de Betanzos.
A xornada comezou cun cóctel de benvida no vestíbulo de Palexco, amenizado con música en directo. Os asistentes puideron degustar unha selección de produtos galegos, entre eles embutidos e vermús, servidos en diferentes estacións gastronómicas instaladas para a ocasión.
Tras o cóctel, arrincou a cea e tivo lugar a homenaxe aos empregados que cumpren 25 anos formando parte de GADISA, quen recibiron o aplauso dos seus compañeiros e un agasallo entregado pola empresa en recoñecemento da súa traxectoria.
A festa prolongouse durante varias horas e contou con animación, música a cargo dun DJ e o sorteo de numerosos premios, que puxeron o broche final á velada.



