Como empresa familiar 100% galega, GADISA Retail reafirma o seu compromiso con Galicia e cun modelo de distribución que xera valor no territorio. En 2024, a nosa división de alimentación e distribución alcanzou unha facturación bruta de 1.640 millóns de euros, sen incluír actividades noutros sectores. Este crecemento sostido traduciuse en 322 novos postos de traballo, o que eleva o seu equipo humano ata 8.880 persoas, aos que se suman máis de 1.000 empregos vinculados á nosa rede de franquías Claudio e Claudio Express. Deste xeito, consolidámonos como a empresa do sector que máis emprego xera en Galicia. Ademais, a nosa achega ás arcas públicas superou os 160 millóns de euros, unha contribución diaria próxima ao medio millón que reflicte o impacto real e directo da nosa actividade na economía galega. Os fondos propios tamén creceron: 714,71 M€, un 13,66% máis que o exercicio anterior, o que reflicte a nosa solidez financeira.
Innovación e mellora continua en instalacións
A confianza de máis dun millón de clientes impulsa a estratexia de modernización de GADISA Retail, que en 2024 aumentou o seu investimento un 80,86% respecto ao ano anterior, ata alcanzar os 24,94 millóns de euros. Este esforzo permitiu ampliar e renovar puntos de venda, modernizar centros loxísticos e reforzar as instalacións estratéxicas, como a nova plataforma de peixe no porto da Coruña e a de produto fresco no polígono de Piadela. Todo iso cun enfoque centrado na eficiencia enerxética, a dixitalización e a experiencia de compra, claves para responder as necesidades do consumidor actual.
Apoio á economía local e ao desenvolvemento do territorio
Traballamos con preto dun milleiro de provedores locais. Esta cultura empresarial favorece a sustentabilidade e o crecemento, destinando preto de 550 millóns de euros en 2024 a adquirir produtos de proximidade. As relacións baseadas na confianza e a visión a longo prazo son o motor de desenvolvemento dun tecido empresarial innovador e competitivo. En total, o 98,6% das nosas compras realízanse a provedores de orixe nacional.
Presenza, proximidade e experiencia de compra
A proximidade ao cliente é unha das nosas sinais de identidade. A peche de 2024, contabamos con máis de 400.000 m² de superficie, distribuídos en 475 puntos de venda das diferentes liñas de negocio: Gadis, Gadis Hiper, Cash Ifa, Casa Claudio, e os establecementos franquiados Claudio e Claudio Express.
Durante o último exercicio acometemos 12 aperturas e novas reformas en tendas existentes. Estas melloras teñen como obxectivo ofrecer unha experiencia de compra cómoda, moderna e personalizada, cun especial protagonismo das seccións de produto fresco e a atención especializada.
Ademais, mantemos unha política activa de aforro para os nosos clientes, que se traduce en prezos axustados e vantaxes continuadas, como as Oportunigadis diarias, as ofertas semanais e os cupóns de desconto dispoñibles na APP Gadis+. Todo iso co obxectivo de ofrecer produtos de calidade a prezos accesibles, mantendo o noso compromiso co consumidor nun contexto económico complexo.
Estabilidade e calidade do emprego
Atraer talento e xerar emprego estable e de calidade é unha das principais apostas de GADISA Retail para reforzar a cohesión social, fixar poboación e fortalecer o tecido socioeconómico do territorio. Con 8.880 traballadores no cadro de persoal, e un 96,4% de contratos indefinidos, destacamos tamén polo modelo de profesionalización, especialmente nas seccións de produto fresco.
A xestión das persoas desenvólvese desde unha perspectiva de crecemento persoal e profesional, o que levou á promoción interna de 776 traballadores o ano pasado, rexistrando un incremento do 49%. A formación é outro dos piares básicos, con preto de 17.000 horas destinadas a este fin en 2024, e fomentar a igualdade de oportunidades e a integración laboral de diferentes colectivos levounos a aumentar o número de alumnos de formación ocupacional que se incorporaron ao equipo humano. Axudar a conciliar as necesidades persoais e familiares coa faceta laboral é outro dos eixos da política de recursos humanos, con 594 traballadores que teñen horarios adaptados.
Desempeño económico, social e ambiental
Desenvolvemos a nosa actividade empresarial en estreita sintonía co programa de Responsabilidade Social Corporativa. En 2024 levamos a cabo máis de 2.400 colaboracións e patrocinios dirixidos a iniciativas sociais, culturais, deportivas e ambientais, así como á promoción de hábitos de vida saudables. Algunhas das accións máis representativas do programa son Mayo Solidario, no ámbito da solidariedade; e Alimentes, para a promoción do consumo responsable e a alimentación saudable desde a infancia coa participación de preto de 25.000 escolares no último ano.
En materia ambiental, mantemos unha folla de ruta baseada na eficiencia loxística, o apoio a provedores locais, a economía circular e a xestión responsable dos recursos. En 2024 valorizamos máis de 9.000 toneladas de cartón, plástico e madeira, e empregamos máis de 7,7 millóns de caixas reutilizables, reducindo así o número de envases dun só uso. Por terceiro ano consecutivo, estas prácticas sostibles foron recoñecidas co selo “De Residuos a Recursos: Zero A Vertedero” de Saica Natur, que certifica que o 98% dos residuos xerados na plataforma central recibiron unha segunda vida útil.
Recoñecemento á sustentabilidade
O noso compromiso cunha xestión responsable nos ámbitos económico, social e ambiental foi recoñecido, por segundo ano consecutivo, nos informes Merco Responsabilidade ESG España 2023 e 2024. A compañía figura entre as 10 empresas do sector con mellor desempeño a nivel nacional, segundo esta clasificación que avalía o comportamento ético e o bo goberno, así como a relación con empregados, clientes, a sociedade e a contorna. Este recoñecemento apoia unha traxectoria consolidada baseada na creación de valor compartido e o desenvolvemento sostible do territorio.



