Asinamos un convenio con ASPACE Coruña para apoiar o innovador proxecto de alimentación texturizada que desenvolve a asociación e que permite mellorar a alimentación das persoas con problemas de disfaxia (dificultade para tragar bebidas e/o alimentos).
O noso obxectivo é mellorar as condicións de vida destas persoas, facilitando o acceso a menús equilibrados e saudables elaborados con esta técnica culinaria. O método de preparación permite conservar o sabor, a aparencia e a textura orixinal dos pratos propiciando unha inxesta máis segura para quen padece disfaxia.
Firma do convenio
A directora de Marketing e RSC de GADISA Retail, Melisa Pagliaro, e a presidenta de ASPACE Coruña, Mª Carmen Barreiro, selaron o acordo, que reforza o noso compromiso coa entidade, coa que colaboramos desde hai varios anos.
Desde Gadis queremos visibilizar o importante labor diario que leva a cabo a asociación con este colectivo, ao que presta asistencia cun enfoque multidisciplinar, supoñendo, ademais, un apoio fundamental para a contorna familiar das persoas con parálise cerebral.
O proxecto de alimentación texturizada, desenvolto polo equipo de Logopedia e Cociña, é unha ferramenta moi útil para poder confeccionar unha gran variedade de pratos saudables, seguros e apetecibles, mantendo a calidade nutricional.
Nos comedores de ASPACE Coruña sérvense uns 88.000 menús anuais, dos que máis de 35.000 elabóranse con este método de alimentación texturizada.
Compromiso coas persoas
A solidariedade é un dos principais valores do noso programa de Responsabilidade Social Corporativa de Gadis, comprometidos coas persoas e con xerar impacto positivo na contorna a través da sustentabilidade triangular: económica, social e ambiental.
Acompañar ás asociacións no seu labor de promover a inclusión social e concienciar á sociedade de axudar aos colectivos desfavorecidos son dous dos obxectivos que se expoñen mediante colaboracións como a que levamos a cabo con ASPACE Coruña.



