Reunimos máis de 140.000 quilos de produtos na 13ª campaña Maio Solidario. É o resultado da xenerosidade dos clientes e da nosa achega para aumentar o alcance da axuda, que xestionarán doce bancos de alimentos de Galicia e Castela e León.
Os clientes doaron, ademais, 67.662 €, que tamén se repartirán entre as entidades a favor das cales se emprende esta campaña, símbolo da acción social de Gadis, que nace do noso compromiso coas persoas e o benestar da comunidade.
Agradecemos, un ano máis, a xenerosidade e a implicación dos clientes. Consideramos que a súa achega é fundamental para axudar a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria, compartindo os mesmos valores. Asímesmo, mostramos a nosa gratitude pola cooperación do equipo humano e os voluntarios dos bancos de alimentos, claves para alcanzar a meta solidaria.
Maio Solidario desenvolveuse entre o 2 e o 31 do mes pasado en 202 Supermercados Gadis, nos que establecimos dúas posibilidades de colaboración, a través da recollida de alimentos non perecedoiros ou mediante doazón económica.
Entrega
A directora de Marketing e RSC de GADISA Retail, Melisa Pagliaro, o director de Comunicación, José Luis Fernández Astray e a coordinadora de RSC, Lucía Santos, realizaron unha entrega simbólica ao presidente do Banco de Alimentos Provincia de A Coruña, Manuel Mora, que se desprazou á nosa sede central.
As doce entidades que se benefician desta campaña son o Banco de Alimentos Provincia de A Coruña, Lugo, Ourense, Vigo, Ávila, León, Palencia, Ponferrada, Segovia, Salamanca, Valladolid e Zamora.
Trece anos de solidariedade
Maio Solidario é a acción social de referencia do noso programa de Responsabilidade Social Corporativa, no que máis dun 26% das iniciativas pertencen ao ámbito da solidariedade. Levamos a cabo esta campaña de forma ininterrompida desde fai trece anos, tempo no que reunimos preto de 1,80 millóns de quilos de alimentos e máis de 292.000 €. A axuda contribuíu a mellorar a calidade de vida de miles de fogares que se atopan en situación de vulnerabilidade.
O noso plan de RSC responde aos retos globais do Pacto Mundial de Nacións Unidas, ao que nos adherimos hai case 20 anos, e está aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible. Esta acción atende a tres destes obxectivos: ODS 1 (Fin da Pobreza), ODS 2 (Fame cero), ODS 10 (Redución das desigualdades).



