Estamos máis preto de alcanzar o obxectivo cero residuos na nosa sede central: preto do 98% dos residuos que xeramos na plataforma loxística do Polígono de Piadela recibe unha nova vida útil. Este progreso foi certificado de novo por Saica Natur co selo “De Residuos A Recursos: Zero A Vertedero”, obtido por primeira vez en 2022. Esta importante acreditación está auditada pola compañía internacional de verificación TÜV SÜD.
Desde GADISA Retail seguimos impulsando un modelo de negocio sostible para favorecer o crecemento socioeconómico da contorna en equilibrio co medioambiente, cunha estratexia que se sustenta sobre a xestión responsable dos recursos, a loxística inversa e eficiente, o apoio aos provedores locais, que reduce os roteiros de transporte, e a eficiencia enerxética.
Tres R: reutilizar, reducir e reciclar
Aplicamos os principios da economía circular en todas as fases da nosa actividade, seguindo a regra das 3 R: reutilizar, reducir, reciclar. Unha circularidade que empeza na plataforma loxística central co control intelixente do stock, que nos axuda a evitar o desperdicio a través da xestión eficaz dos pedidos e o axuste das existencias. A partir de aquí, poñemos en marcha o sistema loxístico, baseado na optimización de roteiros, e no transporte de mercadorías en embalaxes sostibles, que retornan a diario nos mesmos camións desde os puntos de venda á nosa sede, onde un equipo de 37 persoas xestiónaos para introducilos outra vez na cadea. Son unhas 10.000 toneladas anuais de cartón, plástico, madeira e outros residuos.

6.900 toneladas de cartón e papel para reciclar
O 100% do cartón e do papel recíclanse e unha parte importante volve aos Supermercados Gadis transformado en caixas de pedidos a domicilio. Son materiais que utilizamos noutros procesos e aos que se dá unha nova vida útil: máis de 36 millóns de caixas fabricadas con 6.900 toneladas de cartón e papel.
Así mesmo, a xestión responsable dos recursos e residuos que promovemos permitiu converter 680 toneladas de polietileno de baixa densidade transparente en máis de 3 millóns de m2 de filme estirable, para que teñan novas utilidades. Tamén no apartado enerxético, Saica Natur certificou que, cos residuos de plásticos non reciclables, logrouse xerar o equivalente ao consumo anual de enerxía en 71 fogares.
“É un orgullo volver cumprir os requisitos do estándar SN-SZ-0002 e recibir o selo -DE RESIDUOS A RECURSOS: ZERO A VERTEDERO- de TÜV SÜD e Saica Natur na nosa Plataforma de Polígono de Piadela. De igual modo, síntome satisfeito de ver que os procesos de GADISA Retail en reducir, reutilizar e reciclar materiais conlevan a alcanzar obxectivos de economía circular”, explica Óscar Varela Soriano, responsable ambiental de GADISA Retail.
Modelo de xestión Gadis
O propio concepto e modelo de xestión dos Supermercados Gadis contribúe a reducir a pegada ambiental. A atención personalizada no mostrador tradicional, priorizar as seccións de produto fresco, abastecidas na súa maioría por provedores de proximidade, e poñer ao dispor nestes espazos bolsas e envases 100% biodegradables, compostables, reciclables ou reutilizables impulsan unha compra máis sostible e responsable entre os nosos clientes.



