Optamos de novo polo Regalo Azul de UNICEF, que consiste nunha felicitación de Nadal para enviar a todos os nosos colaboradores. Isto tradúcese nunha doazón económica para axudar á poboación infantil máis vulnerable con vacinas, alimentos e auga.
O compromiso de Gadis coa infancia e a igualdade de oportunidades é o obxectivo desta acción de Responsabilidade Social Corporativa, que levamos a cabo de forma ininterrompida desde hai máis de 30 anos. Neste 2024 enviamos a través de UNICEF 12.075 vacinas contra a polio, a mesma cantidade de sobres de alimento terapéutico e máis de 2,11 millóns de pastillas potabilizadoras para transformar en potable a auga que non é apta para o consumo. En total, son 4.025 kits de supervivencia con estas subministracións esenciais destinadas a protexer a vida de nenos e nenas afectadas por conflitos bélicos, catástrofes naturais, a seca ou que habitan en países en vías de desenvolvemento.
Mantemos esta colaboración con UNICEF desde 1993 co obxectivo de axudar na súa tarefa de dar un futuro á infancia de todo o mundo. Esta acción adáptase cada ano para cubrir as necesidades máis urxentes do momento.
Obxectivos de Desenvolvemento Sostible
Aumentar o impacto positivo na contorna máis próxima e alcanzar unha sociedade máis xusta a nivel global son propósitos do noso programa de Responsabilidade Social Corporativa, aliñado cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible do Pacto Mundial de Nacións Unidas.
Esta iniciativa de apoio a UNICEF tamén se traduce no cumprimento de varios Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS); entre eles, o Fin da Pobreza, Fame Cero, Auga Limpa e Saneamento e a Redución das desigualdades.



