Rexistramos unha importante expansión da liña Claudio con 22 aperturas en 2025, coas que GADISA Retail chegou aos 256 establecementos en Galicia, Asturias, Castela e León e Madrid. Este crecemento confirma a relevancia desta franquía no sector da distribución. No que vai de ano, xa incorporamos dous novos Claudio: un na Coruña e outro en Barro (Pontevedra).
A proximidade aos clientes e garantir servizos básicos en poboacións de diferente tamaño guiaron este crecemento, que reflicte o noso compromiso coa dinamización socioeconómica do territorio xerando novas oportunidades de emprendemento e creando emprego.
Máis de 100 profesionais foron empregados na franquía no último ano. En total, son máis de 1.000 as persoas que traballan nos establecementos, situados principalmente en zonas con baixa densidade de poboación.
Galicia, a comunidade na que máis crece
A comunidade galega é a que máis aperturas concentrou con 15 novos puntos de venda, dos que 6 inauguráronse na provincia da Coruña (2 na capital e os 4 restantes en Carballo, Cariño, Dodro e Fene), outros 6 na de Pontevedra (Agolada, Arbo, Cambados, 2 en Sanxenxo e Vilanova de Arousa), 2 en Ourense (Cea e Verea) e 1 en Lugo (Quiroga). Ademais, tamén se estrearon outras 3 tendas en Asturias (Oviedo, Xixón e Avilés); 2 en Madrid e outra en Castela e León (Zamora).
Dous formatos: Claudio e Claudio Express
Os 142 Claudio Express ofrecen unha variedade básica con produtos moi seleccionados de alimentación, hixiene e droguería para atender a un perfil de cliente que busca rapidez e comodidade, así como amplos horarios. Están implantados, fundamentalmente, en estacións de servizo de vías principais e secundarias, así como en contornas urbanas.
Doutra banda, os 114 Claudio, son puntos de venda de proximidade, con atención personalizada e unha superficie media. Os clientes teñen á súa disposición unha completa variedade de produtos locais, de marcas líderes e da marca propia IFA.
Unha franquía que inspira confianza
GADISA Retail é a compañía líder de distribución no noroeste, un factor determinante para que emprendedores e empresas aposten polo noso modelo franquiado, con máis de 30 anos de traxectoria. Entre as vantaxes, destacan a competitividade, a loxística eficiente, a ampla variedade de produto e o asesoramento integral en cada etapa do proxecto.



