Saltamos de novo á pista para disputar o partido máis solidario que, neste caso, enfrontará ao equipo local co HLA Alacante. Cúmprense trece anos xa desta alianza co club compostelán a favor de persoas en situación de vulnerabilidade.
O 13º Partido Solidario Gadis xógase o sábado 17 de xaneiro, ás 18.30 horas, no Multiusos Fontes do Sar.
Doaremos 5 quilos de alimentos non perecedoiros por cada punto que se anote no partido. Toda a recadación entregarase ao Albergue Xoán XXIII, que leva a cabo un importante labor social en Santiago atendendo a diferentes colectivos desfavorecidos, como as persoas sen fogar.
Promoción para os clientes
Puxemos en marcha unha promoción ata o venres 16 de xaneiro, co fin de incentivar a asistencia ao 13º Partido Solidario, nos supermercados de Santiago e nos de Meixonfrío, Negreira, Cacheiras, Ordes, Padrón, Bertamiráns e Teo. Por compras superiores a 40€, os clientes recibirán un vale que inclúe un código co que se poderá comprar un máximo de catro entradas a un prezo especial de 10 € cada unha ata completar aforo.
As entradas pódense adquirir previamente a través da páxina web do Monbus Obradoiro CAB, na que, antes de proceder ao pago, hai que introducir o código que figura no tícket entregado en Gadis. Tamén poderán comprarse nas oficinas do club.
Gadis, sempre solidario
Coa participación no Partido Solidario Gadis, en colaboración con Monbus Obradoiro CAB, reafirmamos o noso apoio aos colectivos máis vulnerables e, ao mesmo tempo, poñemos en valor a importancia da práctica do deporte para fomentar a vida saudable.
A través desta iniciativa, doamos máis de 7.500 quilos de produto para axudar a cubrir as necesidades de colectivos desfavorecidos.



