“Mulleres rurais: imprescindibles para o desenvolvemento sostible” é o título da 3º xornada que organizamos para visibilizar o papel de mulleres profesionais de diferentes sectores produtivos, coñecer os seus retos e compartir vivencias. O evento celebrouse na Fundación Juana de Vega e reuniu a numerosas profesionais de diferentes sectores produtivos que abastecen de produtos aos Supermercados Gadis. A xornada tamén puido seguirse vía streaming.
“A sustentabilidade triangular non é un slogan, é o noso compás” sinalou a nosa directora de Marketing e RSC. Melisa Pagliaro puxo sobre a mesa a necesidade de “abrazar a Responsabilidade Social Corporativa en cada aspecto do negocio guiados polo respecto cara á economía, as persoas e o planeta”. Nese sentido, explicou como as mulleres rurais son aliadas clave neste reto porque exercen de forza tractora nas comunidades locais liderando proxectos empresariais que vertebran o territorio, afianzan poboación e apostan pola innovación para comercializar produtos sostibles. Uns produtos de proximidade que en Gadis poñemos ao dispor dos clientes na nosa rede de supermercados para pechar o círculo e xerar valor en toda a cadea.
Como representante dunha empresa familiar do sector agroalimentario, tomou a palabra Isabel Barral, directora de Produción, Calidade, e Seguridade Alimentaria de Queixería Barral, provedora de Gadis. “Vexo unha oportunidade indiscutible no rural e en Galicia” sostivo durante a súa intervención, na que identificou como retos a substitución xeracional no campo, así como a atracción e retención de talento. A sustentabilidade é un elemento estratéxico do seu plan de negocio e acaban de obter o Selo de Rexistro de pegada de carbono outorgado polo Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.
Mesas redondas: produtoras e industria agroalimentaria
Intercambiar experiencias e achegar puntos de vista diferentes sobre a produción no campo galego é o propósito das dúas mesas redondas expostas. Na primeira, as protagonistas foron dúas produtoras de quilómetro 0: Tamara Sueiro, que segue as pautas da agricultura ecolóxica en Teixeiro e Mª Jesús Infante, que cultiva patacas e repolo en Sada. Dúas historias distintas cun mesmo relato: a importancia do local como base da alimentación sa e saudable. A nivel persoal, puxeron en valor o arraigamento ao territorio, a conexión coa natureza e a posibilidade de conciliar de forma razoable como os aspectos máis positivos do seu traballo.
Na mesa da industria agroalimentaria as voces foron as de Carmen Carpintero, de Pollos Rivadulla, e Nuria Varela-Portas, de Pazo de Vilane. Innovación, capacitación e calidade foron algunha das claves que desvelaron para que este sector manteña a súa influencia e continúe sendo polo de atracción de riqueza socioeconómica á súa ao redor, así como o compromiso de empresas de distribución, como a nosa, que priorizamos a comercialización dos seus produtos.
Tamén coincidiron no interese por ofrecer oportunidades laborais ás mulleres na contorna rural para o seu empoderamento e desenvolvemento persoal e profesional.
Sustentabilidade en toda a cadea
A xestora de produtos cárnicos de Gadis, Natalia Calvo, profundou na importancia deste sector para revitalizar a contorna rural. Un obxectivo compartido, que favorece a sustentabilidade en toda a cadea, desde a selección de provedores, que garanten prácticas éticas na produción, ata o manexo responsable desta categoría de produtos. Na súa intervención, puxo de manifesto como promovemos unha compra informada e concienciada entre os consumidores para evitar o desperdicio, no que, unha vez máis, o propio modelo de negocio exerce de estímulo positivo: a carnicería ao corte. Un sistema que, ademais, impulsa a xestión de talento cualificado e xera emprego de calidade. “Seguiremos apoiando ao rural, aos nosos provedores locais e ao produto de proximidade” concluíu.



