GADISA Retail, empresa 100% galega e líder do sector en Galicia, facturou 1.569,15 millóns de euros en 2023, nun contexto aínda complexo no que seguimos absorbendo parte do aumento dos custos para non trasladalos completamente aos nosos clientes. Estes resultados positivos débense ao noso modelo de negocio consolidado, que xera máis valor en toda a cadea, a unha maior eficiencia nas operacións e á confianza depositada polo noso máis dun millón de clientes.
Elevamos a contribución ás arcas públicas ata os 155,06 millóns de euros, dos que 103,79 millóns corresponden a impostos e tributos e os 51,25 millóns restantes a cotizacións sociais. Tamén incrementamos os fondos propios ata os 628,78 millóns de euros, como garantía de solvencia operativa. Os investimentos, orientados a mellorar a experiencia de compra dos clientes, á transformación da nosa rede de tendas e a medidas para reducir o impacto ambiental, situáronse nos 13,79 millóns.
Compromiso coa economía, as persoas e o planeta
Seguimos afianzados como a empresa do sector que máis emprego xera e mantén na comunidade galega. O compromiso coa economía, as persoas e o planeta definen a folla de ruta da compañía no desenvolvemento da nosa actividade empresarial. En 2023 incorporamos a 342 novos profesionais ao noso equipo humano, con 8.558 traballadores en Galicia e Castela e León a peche de ano. A esta cifra habería que engadir os máis de 1.000 empregos das franquías.
O propio modelo de negocio, que favorece a atención directa e personalizada nas seccións de produto fresco esixe unha maior profesionalización e impulsa o emprego cualificado, a maior parte de postos de traballo xeráronse nas áreas de produto fresco atendidas.
Desenvolvemento do territorio
Contribuír ao desenvolvemento do territorio e á construción dun tecido socioeconómico produtivo innovador e competitivo é un dos propósitos da compañía, que elevou a 570 millóns de euros as súas compras a máis de 2.500 provedores locais de Galicia e Castela e León, dos cales 1.017 son de produtos de alimentación. As relacións de confianza, caracterizadas pola estabilidade no tempo, con estes produtores de proximidade, moitos emprendedores, pemes e empresas familiares, favorecen o seu crecemento e expansión, xerando un ecosistema ao seu arredor que xera valor e afianza poboación en diferentes contornas urbanas e rurais. Ademais, o 98% das compras realizáronse a provedores españois.
479 puntos de venda: proximidade e ser a mellor opción de compra
Pechamos 2023 con 479 puntos de venda. Son Supermercados Gadis, Gadis Hiper, Cash Ifa e Casa Claudio situados en Galicia e Castela e León, así como os establecementos franquiados Claudio e Claudio Express, que están presentes, ademais, en Madrid e Asturias. A superficie total dos puntos de venda alcanzou os 409.477 m2, dos que 351.667 m2 corresponden a supermercados propios. Unha parte dos investimentos destináronse, precisamente, á reforma e modernización de puntos de venda.
A accesibilidade e a sustentabilidade ambiental son dous dos criterios que se tiveron en conta para a transformación da rede de tendas propias nos últimos anos, que permitiu incrementar ata o 92,38% o total de puntos de venda completamente accesibles. A atención personalizada, a ampla e variada oferta e os prezos competitivos definen o modelo de negocio de Gadis, que ofrece a mellor opción de compra, priorizando os produtos frescos e os provedores locais, apoiando ás marcas de fabricante.
Desde Gadis buscamos constantemente trasladar aforro ás familias en produtos de alimentación, droguería e hixiene en oferta, mediante as Oportunigadis diarias, os folletos e os cupóns descontos na APP Gadis +.
Responsabilidade Social Corporativa
O desempeño da nosa actividade empresarial vai aparellada ao desenvolvemento do programa de Responsabilidade Social Corporativa, con máis de 2.300 colaboracións e patrocinios á sociedade en 2023, o que supón un aumento de máis do 21% con respecto ao ano anterior. Este plan vira arredor das persoas, a estratexia ambiental, comercio e desenvolvemento local, apoio á cultura, solidariedade, promoción de hábitos de vida saudables e deporte. Estas tres últimas áreas concentran a maior parte de iniciativas. Cabe sinalar, un ano máis, o programa educativo Alimentes, que fomenta unha dieta equilibrada, unha vida activa e o consumo responsable desde a infancia, cun aumento moi notable da participación: máis de 28.000 escolares de 442 centros educativos de Galicia e Castela e León. Outro dos obxectivos deste plan é o apoio ás familias, tanto ás que dan a benvida a un novo membro, a través do programa Bebé Gadis, que beneficiou a máis de 6.500 fogares en 2023, como ás familias numerosas das dúas comunidades nas que está implantada.
Xestión das persoas
Co foco posto nas persoas, a política de recursos humanos desprégase sobre o convencemento de que atraer talento e crear emprego de calidade e estable contribúe vertebrar un tecido socioeconómico forte, e a mellorar a cohesión social impactando de forma positiva na contorna máis próxima.
O desenvolvemento persoal e profesional do seu equipo humano é prioritario para GADISA Retail, que promocionou internamente a 520 traballadores, así como investido numerosos recursos en formación, con 15.004 horas destinadas a este fin en 2023. Conciliar a vida persoal, familiar e laboral é outro dos vértices da xestión das persoas, con 431 profesionais que dispoñen de horario adaptado ás súas necesidades. A empresa fomenta, ademais, a integración laboral de diferentes colectivos, incorporando aos puntos de venda a numerosos alumnos de formación ocupacional.
Estratexia ambiental
O obxectivo de GADISA Retail é promover un modelo de negocio sostible de forma transversal tanto a nivel económico, como social e ambiental. En liña con estes principios, a estratexia susténtase sobre catro piares: a xestión responsable dos recursos e residuos en toda a cadea de valor, a loxística inversa, avanzada e eficiente, o apoio aos provedores locais, que permite reducir as rutas de cargas, e a eficiencia enerxética.
Conseguimos dar unha nova utilidade a preto de 10.000 toneladas de diferentes materiais: cartón, plástico e madeira; e realizamos 4,8 millóns de movementos de caixas reutilizables para evitar o uso doutros recursos na nosa sede central. Estas actuacións están avaladas polo selo ‘De Residuos A Recursos: Zero A Vertedero’ de Saica Natur, que renovamos por segundo ano consecutivo. Como parte dun proxecto de economía circular, parte do cartón reciclado transformouse en caixas que chegan aos fogares dos clientes cos seus pedidos dos Supermercados Gadis.
Referente do sector en sustentabilidade económica, social e ambiental
A aposta de GADISA Retail por xerar impacto positivo a través da sustentabilidade económica, social e ambiental favoreceu que figure dentro das empresas do sector máis responsables en termos de ESG. Así o ratificou o último informe Merco Responsabilidade ESG España 2023, que inclúe ás compañías que operan en España mellor valoradas medindo o recoñecemento ambiental, o comportamento cos traballadores, os clientes e a sociedade, así como a nivel ético e de goberno corporativo.



