Queremos que a celebración do Día das Letras Galegas se estenda durante todo o ano cunha nova acción cultural que vimos de presentar no Paseo Marítimo da Coruña, á altura das Lagoas: un mural da artista Lidia Cao para render unha homenaxe atemporal a Luísa Villalta na súa cidade natal.
Os primeiros trazos desta obra artística reuniron no lugar á Inés Rey, alcaldesa de A Coruña e a José Luis Fernández Astray, o noso director de Comunicación, quen sinalou que esta acción é unha forma de achegarse á xente a través dunha iniciativa cultural multidisciplinar, tanto artística como de promoción da lingua. Tamén participaron Alexandra Kuntz, coordinadora de Marketing Dixital e Contidos, Lidia Cao e a familia de Luísa Villalta: súa nai, María Gómez, a irmá, Susana, e unha sobriña.
A localización que eliximos, coa colaboración do Concello da Coruña, está pensada para que milleiros de persoas poidan visualizar o mural nunha zona moi transitada do Paseo Marítimo. A artista Lidia Cao, cun estilo moi persoal e que chama a atención, xa deixou a súa pegada noutros espazos ao aire libre en diferentes localidades galegas e tamén a nivel nacional e internacional. Esta obra artística estará rematada ao longo da próxima semana.
Máis accións polas Letras Galegas
Esta iniciativa súmase ás que xa levamos a cabo polo Día das Letras Galegas. O pasado 16 de maio repartimos nos supermercados máis de 30.000 exemplares do caderno de actividades “Flores e letras”. Unha publicación para emprender unha viaxe ao pasado da literatura galega e coñecer curiosidades dos autores e publicacións máis universais e tamén de autores desta época con pasatempos, enigmas e xogos. Cun deseño moi visual e rompedor, podedes descargalo en formato PDF na web https://www.gadisletrasgalegas.gal/ .
“Flores e Letras” foi o fío condutor de tódalas accións que emprendemos. Tamén agasallamos aos nosos clientes con máis de 30.000 marcapáxinas e máis de 30.000 bolsas de papel reciclado.

Ao carón da cultura galega
Como empresa 100% galega que somos, levamos máis de vinte anos apoiando a cultura da nosa terra nas súas diferentes manifestación. Levamos editados máis de 360.000 exemplares de libros para impulsar a traxectoria de novos autores e tamén doutros máis recoñecidos. Ademais, nos dous últimos anos lanzamos orixinais iniciativas como “Versos na rúa”, con citas literarias nos pasos de peóns; potenciamos o talento de 15 novas voces da poesía galega recolléndoas nunha publicación, e editamos o fanzine “Tirabeque”.



