Máis de 28.500 estudantes de Galicia e Castela e León participaron no programa Alimentes de Gadis durante o curso que acaba de finalizar. Un novo récord que valoramos positivamente xa que, ano tras ano, continúa aumentando o número de escolares cos que se profunda de forma teórica e práctica sobre conceptos como a alimentación saudable, o consumo responsable e a sustentabilidade. Tamén incrementou o total de centros educativos rexistrados no plan: 479 colexios de diferentes localidades Galicia e Castela e León.
O noso propósito é impulsar a educación de calidade, os hábitos saudables e a vida activa entre os máis pequenos. Os catro eixos ao redor dos que vira o programa son a alimentación sa, a práctica de exercicio físico, a responsabilidade no consumo e a redución do desperdicio alimentario, obxectivo ao que contribúen os pequenos xestos cotiáns.
Experiencia práctica
O itinerario da plataforma interactiva complétase coa parte práctica, que resulta moi enriquecedora para os estudantes xa que nas visitas aos Supermercados Gadis comproban in situ todas as nocións adquiridas nas aulas. Con monitores formados en nutrición, percorren as distintas seccións dos puntos de venda, con atención prioritaria ás de produto fresco: peixaría, froitas e verduras, carnicería e lácteos, entre outras. O obxectivo é inculcar a importancia de consumir produtos frescos e de tempada, máis saudables e sostibles.
En liña co noso modelo de negocio de fomentar o abastecemento de proximidade e as compras a provedores locais, profesores e alumnos tamén se achegan a conceptos como o desenvolvemento local e produtos de km. 0 durante as visitas aos seus supermercados, nas que participaron máis de 14.000 estudantes.
Contidos adaptados aos currículos oficiais
A transversalidade dos contidos é unha das claves no deseño e desenvolvemento deste programa educativo, que emprendemos hai máis de 20 anos e que actualizamos en cada edición. Todos eles están adaptados ao currículo oficial de Educación Infantil e Primaria de ambas comunidades autónomas en materias como as Ciencias Naturais e Sociais. Ademais, relaciónase coa Educación Física, ao abordar a relevancia de practicar deporte como un complemento da alimentación sa e de calidade.
Alimentes Dixital, https://www.gadis.es/saludable/alimentes-digital/, inclúe vídeos e fichas, baseados na cadea dos alimentos desde as súas orixes. Un roteiro virtual desde a lonxa, o campo e as plataformas loxísticas, con parada nos supermercados, e punto e final nos fogares. Aquí facilitamos consellos para que contribúan á conservación do medioambiente reciclando e separando residuos.
Premiar a implicación escolar
Premiamos a implicación das nenas e nenos que finalizaron o itinerario interactivo repartindo máis de 28.000 kits Pratos ALIMENTES, que conteñen unha guía visual, deseñada para planificar as comidas de forma saudable, ademais de suxestións para elaborar receitas ricas e sas. Tamén sorteamos 5 packs de tablets entre os centros participantes, resultando gañadores tres colexios de Galicia e dous de Castela e León.



